martes, 27 de abril de 2021

A Andaina Terras de Altamira enche a metade das inscricións nun día para a súa sexta edición en Brión

 

A proba celébrase o próximo 15 de maio e oferta tres distancias para os participantes: 14, 36 e 50 quilómetros

A VI Andaina Terras de Altamira, que terá lugar o sábado 15 de maio en Brión, está a piques de pechar inscricións en tempo record. A pandemia sanitaria obrigou a limitar a participación a tan só 250 persoas, a metade da edición de 2019. Con todo, "24 horas despois de abrir as inscricións, xa temos máis da metade das prazas asignadas", explica Xosé Manuel Trigo, director de VI Andaina Terras de Altamira.

Desde a organización sinalan que é unha situación sen precedentes na proba, xa que as inscricións formalizadas a día de hoxe para esta edición superan aos participantes de 2017. As inscricións poden formalizarse por 12 euros a través da páxina web www.andainaterrasdealtamira.org antes do 5 de maio ou até esgotarse as prazas.

En caso de quedar prazas libres, entre o  6 e o 12 de maio a organización ofertará inscricións a 10 euros, sen opción á bolsa do senderista. En ambos os casos, os senderistas con licenza da Federación Galega de Montañismo terán un desconto de 2 euros.

Percorridos para todos os niveis

A proba volverá estar estruturada en forma de trevore de tres follas, de forma que cada participante elixe a distancia quere percorrer: 14, 36 ou 50 quilómetros. Neste sentido, a Carballeira de Santa Minia será o punto central da proba, sendo a zona de saída e chegada do tres rutas de 14, 22 e 14 quilómetros, respectivamente. Esta distribución do percorrido en aneis está pensada para que cada persoa escolla a distancia que considere en función da súa capacidade física.

Ademais da limitación a 250 prazas, todas as persoas que participen deberán cumprir o protocolo COVID-19. Entre outros aspectos, as persoas participantes deberán entregar unha declaración de saúde asinada o día no que recollan o dorsal da proba.

A VI Andaina Terras de Altamira será proba puntuable para a Copa Galega de Andainas de 50 km da Federación Galega de Montañismo. Está organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, e conta coa colaboración da Federación Galega de Montañismo e da Xunta de Galicia. 

FONTE: https://bit.ly/3szoFA0

0 comentarios:

Publicar un comentario