A directiva da
A.C.M.D O ESQUÍO NO PIÑEIRO informa:
Que logo de moito meditalo vémonos
na obriga de cancelar a III ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA - BRIÓN que ía
celebrarse o vindeiro día 14 de maio de 2016 no Concello de Brión.
A razón non é outra que a falta de liquidez e medios da Asociación para
poder levala a cabo, trátase dunha decisión moi meditada e a súa vez tomada moi
ao noso pesar.
Cando comezamos a traballar nesta edición da andaina, e logo de estudiar o
posible orzamento de gastos, xa nos vimos na obriga de aumentar o prezo da
inscrición (+1€ con respecto a pasada edición) para tentar cubrir os gastos
derivados da organización da mesma. Xunto con esta medida e contando con ter o apoio (como en edicións
anteriores) de empresas que colaboraran patrocinando economicamente a proba tiñamos
moi boas expectativas para levar adiante esta terceira edición. Pero a
realidade foi outra moi distinta, e logo de manter conversas cos habituais
patrocinadores estas non chegaron a bo porto polo que o aporte económico veuse notablemente
decrecido en relación a edición pasada.
Outro dos motivos, e quizais o principal, é que a inscrición tampouco foi
como en principio contábamos, pasando dos case 400 inscritos na edición 2015
aos pouco mais de 130 que temos a día de hoxe.
Con este negro panorama e afogados polos gastos que supón organizar un
evento deste tipo (cronometraxe, camisetas, bolsas, comida, carpas, seguros,
ambulancia, diplomas, furgoneta, gasolina, etc.) chegamos ao consenso de que este
ano é economicamente inviable para a nosa pequena asociación asumir a
organización desta proba. Sabemos que seguramente se pode organizar de
xeito “máis sinxelo” ou con menos pretensións, pero nin nos vemos con ganas nin
cremos que sexa moi producente baixar o bo caché que conseguiu a andaina nas dúas
pasadas edicións.
Apelamos á comprensión de tódolos inscritos e informamos que se devolverá a cota íntegra de
inscrición a cada un deles da seguinte maneira:
- Inscritos a través da web: faráselle a devolución automaticamente
ao número de conta ou tarxeta bancaria que utilizaron para facer a inscrición.
Contamos con facer a orde de devolución estes días co cal para a vindeira semana
deberían estar efectivamente devoltas todas as cotas.
- Inscritos na Piscina Cuberta Municipal: deberán
achegarse a esta instalación onde se lle devolverá a cota de inscrición en
efectivo.
Queremos que este non sexa o final da ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA – BRIÓN, senón
un punto e seguido, e traballaremos con todo o esforzo para que a NOSA ANDAINA
non caia no esquecemento e para poder ofrecervos unha nova edición no ano 2017.
Rogámosvos a todos/as que aceptedes as nosas sentidas desculpas polas
molestias que puideramos tervos ocasionado.
04 DE MAIO DE 2016
0 comentarios:
Publicar un comentario